Os socios europeos do proxecto Cantata 2 visitan Galicia
Os socios do proxecto reuníronse en Santiago de Compostela os días 26 e 27 de maio para difundir as actividades e os traballos executados até o momento.
Os días 26 e 27 de maio tivo lugar en Galicia a reunión semestral dos socios do proxecto Cantata 2, organizada nesta ocasión pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) en Santiago de Compostela.
Despois da reunión transnacional de socios celebrada na mañá do 26 en San Caetano, á que se sumaron técnicos de Gales a través de vídeo conferencia, os socios visitaron unha explotación gandeira de leite ecolóxico que conta ademais con aloxamento de turismo rural en Arzúa. Tamén coñeceron unha quesería que conta cun centro de recepción de visitantes e as instalacións dun Museo Vivente do Mel en Portodemouros. Por último, visitaron a Fervenza das Hortas en Dombodán (Arzúa) e degustaron o Galo de Curral de Vila de Cruces, aproveitando que nese fin de semana celebrábase a festa de exaltación deste produto.
Na xornada do día 27 os socios mantiveron unha reunión coa Dirección do Centro Superior de Hostalaría de Galicia e visitaron unha adega do D.O. Rías Baixas.
Fonte: Agader