Galicia participa no proxecto europeo Cantata 2 para contribuír ao desenvolvemento do medio rural


    Os socios do proxecto reuníronse en Denbighshire (Gales) os días 29 e 30 de outubro para presentalo e iniciar inmediatamente os traballos.

    Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), participa con Denbighshire County Council (Gales, Reino Unido), Shannon Development (Rexión de Shannon, Irlanda), Communauté de Comúns du Poher - Bretaña - Francia e Câmara Municipal de Montemor-O-Velho (Portugal) - todas elas zonas atlánticas cunha forte identidade e con semellanzas socioculturais - no proxecto comunitario de Cooperación Transnacional CANTATA2, que está a ser cofinanciado con fondos FEDER (Espazo Atlántico, Interreg IVB).

    Representantes das cinco zonas reuníronse os días 29 e 30 de outubro na localidade galesa de Ruthin con motivo da presentación oficial do proxecto á vez que mantiveron diversas reunións de traballo para coordinar as primeiras actuacións do proxecto, que previu a súa finalización en marzo de 2012. A delegación galega estaba formada polo secretario xeral de Agader e persoal técnico.

    CANTATA2, cun orzamento de 2.279.000 €, ten como finalidade principal pór en marcha un modelo de desenvolvemento que favoreza a diversificación económica, identificando produtos turísticos baseados na cultura e nos recursos locais que supoñan "experiencias xenuínas" para o visitante. Preténdese o desenvolvemento integral do medio rural galego mediante un maior aproveitamento do seu potencial local agroalimentario e turístico e a mellora da competitividade das súas pemes, que son os beneficiarios últimos das actuacións previstas, contribuíndo así ao desenvolvemento sustentable e á diversificación económica.

    Co proxecto búscase conseguir unha masa crítica de pemes para definir produtos turísticos innovadores. No caso de Galicia, ademais da actividade transnacional, preténdese deseñar e pór en marcha Rutas Agroalimentarias, articulando a actividade agroalimentaria e a turística. A abundancia de produtos agroalimentarios galegos con características singulares, moitos deles amparados baixo unha denominación de orixe ou outras figuras de protección da calidade, fai que as posibilidades de desenvolvemento de novos produtos sexa moi ampla.

    Galicia acollerá a reunión de socios que terá lugar o mes de maio do ano 2010, ocasión na que se lles dará a coñecer a rexión e a marcha das actuacións dos proxectos en territorio galego. Así mesmo, Galicia acollerá o encontro final de peche do proxecto, no que se exporán en detalle as conclusións e principais liñas de traballo a partir dos resultados do proxecto.

    Fonte: Agader

    Fecha: 
    30/10/2009