Celébranse seminarios de presentación e sensibilización sobre o proxecto Rutas Agroalimentarias de Galicia aos diversos sectores interesados
Durante o mes de xullo celebráronse en cada nodo reunións de presentación e sensibilización para os empresarios interesados en participar en rutas agroalimentarias.
Nos días 1, 5, 6 e 7 de xullo tiveron lugar os seminarios de información e sensibilización sobre o proxecto Rutas Agroalimentarias de Galicia, dirixidos a representantes de organismos, asociacións, establecementos de turismo (aloxamentos, restaurantes) e industrias agroalimentarias situados no territorio de actuación ou nodos piloto. Rutas Agroalimentarias de Galicia está cofinanciado polo Programa Operativo de Cooperación Transnacional Espazo- Atlántico no marco de actuación do proxecto Cantata 2. Tras estes seminarios convidouse os participantes a adherirse ao proxecto.
As rutas agroalimentarias constituirán un produto turístico contorna ás zonas xeográficas definidas previamente (nodos) que abarcan varios concellos dunha Denominación de Orixe Protexida ou Indicación Xeográfica Protexida determinada e outros cuxa forma de produción sexa tradicional, de forma que o turista poida viaxar polo destino dun compoñente da ruta a outro, gozando do noso patrimonio natural, cultural, histórico e gastronómico. Os produtos que vertebran Rutas Agroalimentarias de Galicia son os queixos de San Simón, queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa e Cebreiro, mel de Galicia e castaña de Galicia amparados baixo as diferentes figuras de protección de calidade e as aves de curral criadas tradicionalmente como o capón de Vilalba, o galo de Vila de Cruces e a galiña de Mos.
A finalidade do produto "Rutas Agroalimentarias de Galicia" é construír un produto desde a identidade propia do destino, facilitar a comercialización conxunta dos nodos propostos e garantir o nivel de satisfacción da demanda, impulsando así o desenvolvemento económico - social integral do rural galego.
Fonte: Agader